luns, 27 de outubro de 2025

Castañas, chocolate e moita festa. Queres axudarnos?

Este xoves 30 de outubro Centieiras celebra o Samaín, o Día do Peón e o Magosto. Nesta útlima parte a ANPA encárgase de preparar castañas asadas e chocolate quente para todos; pequenos/as, familias, profes, etc. Faremos unhas poucas castañas in situ para que os nenos e nenas vexan como se fan e poidan percibir ese cheiro inconfundible que deixa o asado deste produto tan importante para nós.

Para ter todo a punto, precisamos que o mércores 29 queden todas as castañas ben picadas para que poidan ir ao forno directamente, así que pedimos a vosa colaboración. Todas aquelas persoas que poidades axudarnos achegádevos ao cole o mércores 29 ás 16 horas e traede un coitelo para picar. Alí estaremos con esa tarefa e tamén facendo algún cucurucho con papel de xornais.

Por outra banda, tamén estamos axudando a que o ambiente sexa terrorífico... 




venres, 17 de outubro de 2025

Renovamos a subvención nominativa para o comedor



Un ano máis acudimos á sinatura do convenio para subvención nominativa que recibimos do Concello de Fene para o mellor funcionamento do noso comedor escolar. A presidenta, Mar González asinou a concesión de 3000 euros e posou para a foto "de familia" cos demais membros do tecido asociativo de Fene que reciben subvencións nominativas do Concello para diversas actividades de interese social e/ou cultural.

xoves, 16 de outubro de 2025

Socios e socias! Non perdades a asemblea xeral anual da ANPA

 



Con 15 días de antelación, como mandan os nosos Estatutos, convocamos a nosa Asemblea Xeral de socios e socias para o vindeiro martes, 4 de novembro, ás 16.15 horas en primeira convocatoria e ás 16.30 en segunda, no recibidor do colexio e coa seguinte


ORDE DO DÍA 

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior

2. Estado de contas e balance do curso 2024/2025

3. Proposta e aprobación, se procede, de renovación da Xunta Directiva

4. Previsión de actividades e xestións para o curso 2025/2026

5. Rogos e preguntas


Ven e participa. Queremos a túa opinión para seguirmos traballando.

martes, 23 de setembro de 2025

Cadro definitivo de actividades extraescolares

As actividades extraescolares que finalmente acadaron o mínimo de alumnado para impartirse son as seguintes:

ACTIVIDADE


CURSOS

HORARIO

IMPARTE

LUGAR

PREZO/MES (NON SOCIOS +5€)



Tenis



De 4ª EI en diante



Martes e/ou Xoves de 16:00 a 17:00h



Escola de Tenis “Justo al Revés”



Pista cuberta



18 € 1 día/semana

23 € 2 días/semana



Creatividade



De 4º EI en diante



Xoves de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Aula de Arts



25



Cociña



De 6ºEI en diante



Mércores de 16:00 a 17:00h



Gazapo




Comedor



30



Robótica/STEAM



De 6º EI en diante



Luns de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Aula de inglés

25



Pickeball e predeporte non alcanzaron o número mínimo.

As actividades comezan co mes de outubro e rematan co mes de maio. O pago debe facerse por adiantado, nos cinco primeiros días de cada mes, mediante ingreso ou transferencia á conta bancaria da ANPA:  ES23 0182 5988 5702 0158 7944 (BBVA-Fene).

Poderán cancelarse as actividades durante o curso se se producen baixas ata menos do número mínimo de alumnado.

As persoas que teñan débedas coa ANPA serán dadas de baixa da actividade.

Grazas a todos/as e a gozar delas!!

venres, 12 de setembro de 2025

Proposta de actividades para o curso 2025-2026

A continuación, xuntamos o cadro de actividades extraescolares que desde a ANPA podemos ofertar para o presente curso. 

Só se impartirán aquelas que acaden o número mínimo de alumnado.

Comezarían en outubro e rematarían en maio.

Para apuntarse tedes que enviar un correo electrónico ou un whatsapp á ANPA especificando o nome da nena ou neno e o curso. No caso de tenis, concretar se sería un día (martes ou xoves) ou dous á semana.

anpa.centieiras@gmail.com
623009449

🚨🚨🚨O prazo para apuntarse é ata o 19 de setembro. 🚨🚨🚨

Animádevos!!


ACTIVIDADE


CURSOS

HORARIO

IMPARTE

ALUMNADO

MÍNIMO E MÁXIMO

PREZO/MES (NON SOCIOS +5€)



Tenis (1)



De 4ª EI en diante




Martes e/ou Xoves de 16:00 a 17:00h



Escola de Tenis “Justo al Revés”



Mínimo: 6

Máximo: 12



1€ 1 día/semana

2€ 2 días/semana


Pickleball (2)

D4º EI en diante

Luns de 16:00 a 17:00h

Escola de Tenis “Justo al Revés”

Mínimo:6

Máximo:12

15 



Predeporte (3)



De 4º EI en diante



Mércores de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Mínimo: 6

Máximo: 12



25 €



Creatividade (4)



De 4º EI en diante



Xoves de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Mínimo: 6

Máximo: 12



25 



Cociña (5)



De 6ºEI en diante



Mércores de 16:00 a 17:00h



Gazapo




Mínimo: 6

Máximo: 12



30 €


Robótica/STEAM (6)


De 6º EI en diante


Luns de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Mínimo: 6

Máximo: 12


25 €


(1) Tenis: o deporte de moda en Fene, non precisa explicación.
(2) Pickleball: combina elementos do tenis, pádel, bádminton e tenis de mesa.
(3) Predeporte: xogos deportivos para que os máis pequenos e pequenas o pasen ben movendo o corpo.
(4) Creatividade: Pintura, debuxo, experiencias e reciclaxe creativa. Xogos de rol.
(5) Cociña: Elaboración de libro de receitas, cociña real cada día.
(6)Robótica/STEAM: Sistemas de Lego, Makeblock e Microbit. Tamén aprenderemos a utilizar sistemas como scratch junior para iniciarnos na programación de escenas/contos interactivos.

luns, 1 de setembro de 2025

Comeza un novo curso! Suba de prezos dos servizos de comedor e madrugadores e outra info de interese


Xa estamos en setembro e comezamos un novo curso coas baterías a tope. Desde a ANPA estamos a traballar para que o que está nas nosas mans funcione o mellor posible e poder ofrecer ao alumnado e ás familias os servizos de calidade que precisan. Mais temos que comezar cunha nova non tan boa, que é a suba de prezos dos servizos de comedor e madrugadores. En total, a suba ascende a un 3% en cada unha das tarifas, de xeito que quedan como se especifica nas páxinas informativas deste blog:

Madrugadores

Comedor

Os servizos comezan desde o primeiro día de cole, isto é, o luns día 8.

En canto ás actividades extraescolares, estamos traballando con varias opcións e darémosvos máis información en breve. Coma sempre, comezarán en outubro e rematarán en maio.

Polo demais, lembrade que é moi importante que as familias vos asociedes á ANPA para que esta asociación poida funcionar de xeito óptimo. Son só 25€ por familia que podedes aboar desde xa e durante todo o primeiro trimestre. Neste blog tedes tamén toda a información ao respecto na seguinte ligazón:

Asóciate!

mércores, 25 de xuño de 2025

Agradecementos, despedidas e benvidas. Feliz verán e vémonos en setembro!!

 


Parece mentira pero xa rematou o curso 2024/2025. A festa da convivencia, como é habitual, puxo o punto final a este período con sorrisos, xogos, auga, espuma, xeados, agasallos... e compartindo unha xornada con familias, profes, irmáns maiores, curmáns e algún que outro avó e avoa. Agradecemos de corazón que vos animarades a pasar con nós esa tarde e desexamos que teñades moi bó verán e que voltedes en setembro coas baterías cargadas, tantos os nenos e nenas como as profes e as familias.

Neste curso temos que agradecervos moito ás máis de cen familias que vos fixestes socias da ANPA e que, coa vosa axuda, propiciades que poidamos facer actividades como esta festa de convivencia, o Magosto, a visita de Papá Noel, as axudas á excursión de fin de curso, etc. Agardámosvos o curso que vén e animamos a todas as familias que non o fixeron a que se fagan socias da ANPA, sobre todo ás novas incorporacións, ás que desde xa damos a benvida a Centieiras.

Aos nenos e nenas de 6º de primaria, que sexades felices alá onde comecedes a nova etapa que vos toca e que levedes sempre a Centieiras no corazón. O mesmo queremos desexar ás familias destes nenos que, exceptuando as que quedan con irmáns ou irmás pequenas, rematan tamén unha etapa en Centieiras. 

Como ANPA, nesta ocasión, non podemos deixar de destacar a despedida de dúas persoas que forman parte da xunta directiva desta asociación desde hai moitos anos e que sempre estiveron aí cando se lles precisou, nas duras e nas maduras, nos momentos bós e nos regulares, sen renderse nunca e traballando incansablemente: Paula e Mari, grazas infinitas e sorte na nova etapa.

Do mesmo xeito, celebramos e agracedecemos a incorporación de novas mamás á xunta directiva neste curso (Gloria, Rocío e Natalia) e de cara ao que vén (Laura). Contamos con vós e de seguro que seguiremos traballando para que os nenos e as nenas de Centieiras conten con todos os servizos que merecen e coa mellor calidade posible.

Grazas e que pasedes moi feliz verán!


venres, 13 de xuño de 2025

Por fin... a festa da convivencia!!

 


Chega por fin a festa de convivencia de fin de curso organizada pola ANPA. Será o venres 20 de xuño, último día de cole, xusto ao remate do horario lectivo, é dicir, ás 14 h.

Comezamos cun xantar de convivencia todos xuntos nos exteriores do colexio. Cada familia deberá encargarse de traer a súa comida, pero non fai falla que traiades nada máis; a ANPA convida a xeados, postres variados, cafés e augas. Despois do xantar faremos un sorteo de agasallos coas rifas que adquirades. Nesta ocasión temos varios paquetes marabillosos e unha super sorpresa final. Lembrade que a vosa axuda é moi importante para que poidamos seguir facendo esta festa... Ah! E as familias socias teredes unha oportunidade a maiores xa que, ademais das rifas que merquedes, entrarán no sorteo os vosos números de asociadas.

Non faltará, por suposto, a festa da espuma, que este ano comezará ás 16 h e durará ata as 17h. Despois, tempo libre ata o fin de festa, que será ás 19.30 h.

Os nenos e nenas poderán traer e xogar coas pistolas de auga, que nunca faltan nesta celebración. Habilitaremos no exterior baldes de auga para enchelas posto que, baixo ningún concepto, poderá facerse nos baños. Tampouco estará permitido uso de globos de auga dada a dificultade da súa limpeza e o seu alto nivel contaminante.

Estades convidadas todas as familias no sentido extenso, con avós, curmáns, tías, sobriños e quen queira apuntarse. 

Animádevos todos e todas a recibir o verán como merece!!

martes, 27 de maio de 2025

Os días 3 e 20 de xuño non haberá servizo de comedor; lembrade borrar os nenos e nenas que estean apuntados!


Chega o mes de xuño e con el chegan dúas datas importantes no noso colexio: a excursión de fin de curso e a festa da convivencia. 

O próximo martes 3 de xuño é a excursión de todo o alumnado ao Muíño de Pedroso. Lembrade que a ANPA axuda con 5€ a cada alumno ou alumna que estean asociados. Ademais, posto que a volta está prevista para as 16.30h, ese día non haberá servizo de comedor.

A festa da convivencia será o úlitmo día do curso, o venres 20 de xuño, e posto que comeremos todos xuntos no recinto escolar, tampouco teremos servizo de comedor. Seguiremos informando dos detalles...

Lembrade; se tedes os nenos/as apuntados para eses días, borrádeos canto antes para que non haxa confusións.

O servizo de madugradores si funcionará con normalidade nas dúas datas.


luns, 26 de maio de 2025

Fin de curso das actividades extraescolares

 


Nesta última semana de maio rematan as actividades extraescolares xestionadas pola ANPA: robótica, tenis e creatividade. Agardamos que lles gustaran aos peques e ás familias!