mércores, decembro 23, 2020

ABRIMOS PRAZO DE RESERVAS PARA OS CALENDARIOS

 


Trala venda presencial de calendarios destes días, queremos dar as grazas a todas as persoas que vos animastes a mercalo, e comunicarvos que quedou un excedente de 14 exemplares para os que abrimos un prazo de reservas.

Os interesados/as en adquirilos podedes enviar unha mensaxe de whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata esgotar existencias. Entregarémolos á volta das vacacións. Lembrade que o prezo é de 2,50 €.

Felices festas de novo!

martes, decembro 22, 2020

O APALPADOR E PAPÁ NOEL VISITARON CENTIEIRAS

Finalmente si que puideron vir!!!. 

Papá Noel e o Apalpador atenderon a solicitude da ANPA Centieiras e pasaron polo cole na noite do 21 ao 22 para deixar algún agasallo aos nosos nenos e nenas, que tan ben se portaron e tanto aturaron durante todo este ano cheo de "cousas raras". 

Deixámosvos un dos vídeos que gravaron os seus axudantes entrando en cada aula e que os/as peques puideron ver esta mañá, e fotos dos dous barbudos e do agasallo, que é unha bolsiña térmica moi práctica para levar as merendas cando imos de paseo, chea nesta ocasión de larpeiradas. Ademais, a bolsa térmica foi encargada por Papá Noel e Apalpador á Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais (ASPANEPS), que ten sede en Fene.

Que pasedes unhas marabillosas vacacións de Nadal e que o novo ano traia saúde e felicidade para todos e todas!!

Ah! E que vos traian tamén moitas cousas os Reis Magos, a nós dixéronnos que nos deixarían unha pouca da súa maxia para inaugurar o novo comedor. Vémonos á volta!!

 







xoves, decembro 17, 2020

XA ESTÁN LISTOS OS CALENDARIOS DA ANPA!!

Como sabedes, neste curso recuncamos coa elaboración dun calendario a beneficio da ANPA coas fotos dos nenos e nenas de todas as aulas do cole. Animámosvos a mercalo nos seguintes días, horas e lugares:

LUNS 21 e MARTES 22 de DECEMBRO: 

- De 13.30 a 14.30 h na pista cuberta

- De 15.30 a 16.30 h no patio cuberto

No caso de que haxa excedente de calendarios despois destas vendas, estableceremos un prazo de reserva e recollida para a volta das vacacións.

Prezo de cada calendario: 2,5 € (pregamos traiades o importe xusto, se é posible)

Sen dúbida un bonito e útil recordo deste curso tan particular. 😏

mércores, decembro 16, 2020

CHEGOU O NADAL A CENTIEIRAS!!!

Árbore de fieltro enfeitada coas manualidades dos nenos e nenas, agasallos e poboado de Nadal realizados con cartón e materiais de refugallo. Nesta equipa da ANPA temos verdadeiras artistas!

Agardamos que guste aos peques e a toda a comunidade educativa e que lles faga tanta ilusión coma a nós.

Solicitude de visitas a Papá Noel e ao Apalpador

Ademais, informamos que no día de onte enviamos cadanseu correo electrónico a Laponia a ao Courel solicitando que Papá Noel e o Apalpador visiten Centieiras e traian algún agasallo cumprindo, por suposto, todas as medidas de seguridade e protocolo da COVID-19. Estamos á espera de resposta. Manterémosvos informados/as... 🙏🙏😏😏







martes, decembro 15, 2020

CONCEDIDA UNHA SUBVENCIÓN MUNICIPAL PARA ACTIVIDADES DA ANPA DE 2213,11 €

A ANPA vén de conseguir unha das subvencións que o Concello de Fene outorga anualmente a entidades sen ánimo de lucro en réxime de concorrencia competitiva, neste caso, para os gastos da realización de actividades como conmemoracións, festas, decoración, e servizos tan importantes coma o de madrugadores.

Neste exercicio, e dadas as circunstancias excepcionais, convocáronse as axudas para dúas anualidades (o 2019 e o 2020), e trala baremación de méritos, comunícannos a concesión dun total de 2213,11 €, isto é, 1106,05 € por anualidade, o que supón un incremento de 41,46 € respecto á última subvención concedida polo mesmo concepto.

Daremos bó uso a eses cartiños!!

venres, decembro 04, 2020

A ANPA ASINA O CONVENIO CO CONCELLO PARA RECIBIR A SUBVENCIÓN NOMINATIVA DO COMEDOR



As nosas compañeiras Lucía e Celia, vicepresidenta e vogal respectivamente, acudiron esta mañá ao acto de sinatura do convenio entre a ANPA e o Concello de Fene para a recepción dunha subvención nominativa de 2400 € dedicados ao mantemento do servizo de comedor escolar. Trátase dunha axuda que sempre nos vén xenial, pero este ano, quizais máis ca nunca, dadas as dificultades que nos atopamos engadidas para manter un servizo que consideramos esencial para a nosa comunidade educativa.

Pois iso, que sexa por moitos anos!!!

venres, novembro 27, 2020

COMEZAN AS OBRAS DE MODIFICACIÓN DO COMEDOR


 

O pasado mércores 25 adxudicouse o contrato para a modificación, ampliación e mellora do comedor escolar do noso cole. Nestes días, a empresa contratista xa comezou os traballos desmontando a vella instalación eléctrica e tomando medidas para a cociña e a nova tarima do chan. Para a próxima semana está previsto que comecen as obras de maior embergadura, como as demolicións.

Ademais, desde a ANPA preparámonos para realizar a compra do mobiliario.

Seguiremos informando de todas as novidades.

mércores, novembro 25, 2020

A EDUCACIÓN É A MELLOR ARMA PARA ACABAR COA VIOLENCIA

O 25 de novembro, día da non violencia contra as mulleres, ten un protagonismo especial no noso cole. Desde a ANPA quixemos contribuir dando ambiente "violeta". De seguro que hoxe chegan todos/as á casa con moitas cousas que contar...

 








 



luns, novembro 16, 2020

MÁSCARAS PARA UNHAS POUCAS - MARCAXE PARA TODAS

Adxuntamos escrito asinado pola Confederación de ANPAS galegas e que desde a Xunta Directiva consideramos acertado, con respecto á recente publicación no DOG da orde que regula a "gratuidade" das máscaras cubrebocas para o alumnado. Recomendamos a súa lectura!!

PREME AQUÍ PARA VER O ESCRITO

domingo, novembro 15, 2020

CONVOCATORIA DE DISTRIBUCIÓN DE MASCARAS ENTRE O ALUMNADO



 

Dende a Anpa queremos recordar a convocatoria de distribución entre o alumnada de máscaras con caracter gratuito.

Enlace a web do cole na que resume e puntualiza a forma de adquisición delas.

 PREME PARA VER INFORMACIÓN

DÍA DO PEON


Todos os anos por estas datas comenza o xogo popular e con máis morriña para todos... O PEÓN!!

Gozade moito deste xogo!!!



 


 

 

xoves, novembro 05, 2020

O Magosto que non falte!!!

Este venres toca celebrar o Magosto, e a crise sanitaria actual vainos privar de moitas cousas, como da música en vivo coa participación das familias, das castañas asadas repartidas pola ANPA, e da festa rachada en xeral, pero non nos vai privar de facer a nosa celebración e homenaxe ás nosas tradicións.

O ambiente é de Magosto, ao que contribúe a decoración do patio cuberto, e as castañas non han faltar, aínda que nesta ocasión, posto que teñen que vir envasadas individualmente e evitando toda manipulación, serán castañas de... chocolate!!!!. Por suposto, os nenos e nenas con algunha alerxia/intolerancia teñen a súa lambonada alternativa.

A pasalo o mellor posible e a coidarse!!









sábado, outubro 31, 2020

Enlace e código para Asemblea telemática da ANPA

Todas as persoas que queirades entrar de xeito telemático na Asemblea Xeral da ANPA, que se celebrará o próximo martes 3/11/2020 ás 17:15 horas en 1ª convocatoria e ás 17:30 horas en 2ª convocatoria, poderedes facelo a través do seguinte enlace: 

https://meet.google.com/zao-vwmy-uua

Ou introducindo o código

zao-vwmy-uua

Agardámosvos!!

xoves, outubro 29, 2020

A Asemblea Xeral da ANPA terá a opción de conexión telemática

 


 

Ante a solicitude dalgunhas familias, e debido á situación sanitaria actual, a Asemblea da ANPA a celebrar o vindeiro martes 3 de novembro no patio cuberto do cole, poderá seguirse tamén de xeito telemático a través da aplicación "Zoom Meet" de google.  Publicaremos neste blog o enlace e contrasinal para conectarse, así que, estade atentos/as!!

Lembrade que para acudir presencialmente debedes enviar un aviso ao correo ou ao teléfono móbil da ANPA.

Animádevos!!


luns, outubro 26, 2020

A ANPA solicita a Educación que se cubran as ausencias dos mestres e mestras en corentena por contacto cun positivo COVID-19

Informamos ás familias que, ante as vosas solicitudes, presentamos esta mañá un escrito ante a Xefatura Territorial de Educación da Xunta de Galicia para que se cubran as ausencias dos/das profes que están en corentena por ter sido contacto estreito cunha persoa positiva en COVID-19. Podedes consultalo no enlace que vos deixamos.

Agardamos sirva de algo!!

 

ESCRITO ANPA PARA EDUCACIÓN

venres, outubro 23, 2020

En marcha os trámites económicos para realizar as obras do comedor


 

Un Pleno municipal extraordinario e urxente aprobou na mañá de hoxe un expediente de modificación de crédito no que se recolle unha partida económica para realizar as obras do comedor do noso cole. Son 38.000 euros procedentes do remantente de tesourería para gastos xerais, cos que se abordará a ampliación e mellora das instalacións excluíndo, con respecto ao proxecto inicial, o cambio de fiestras e o cambio de instalación e radiadores da calefacción, que terán que agardar para outra ocasión. Instalarase cociña e baño novos e tamén unha nova porta de entrada independente.

A modificación aprobada polo Pleno terá que permancer, segundo o legalmente establecido, 15 días en exposición pública, despois dos cales, poderán dar comezo as obras, que non deberán durar máis de 3 semanas segundo asegura a concelleira de obras, Mar Piñeiro. A previsión é que quede listo durante o mes de decembro, para poder estrealo á volta das vacacións de Nadal.

 


martes, outubro 20, 2020

Asemblea Xeral da ANPA para o 3 de novembro

 


A  ANPA do C.E.I.P. Plurilingüe Centieiras convoca aos pais/nais/titores e titoras dos/-as alumnos/-as do CEIP Plurilingüe Centieiras á Asamblea Xeral que terá lugar o martes 3/11/2020 ás 17:15 horas en 1ª convocatoria e ás 17:30 horas en 2ª convocatoria, no patio cuberto do Centro, coa seguinte orde do día:

 

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Estado de contas do curso 2019/2020.
  3.  Proposta e aprobación, se procede, de renovación da Presidencia e outros cargos da Xunta Directiva.
  4.  Información relativa ás obras do comedor escolar.
  5.  Proposta de contratación de xestoría para contabilidade da ANPA.
  6.  Rogos e preguntas
  7.  

    Para acudir será preciso, por motivos de seguridade, inscribirse a través dun aviso de asistencia ao correo electrónico da ANPA ou por whatsapp ao móbil da ANPA:

    anpa.centieiras@gmail.com

    623 00 94 49

mércores, outubro 14, 2020

OPERATIVO O TELÉFONO MÓBIL DA ANPA 623 00 94 49

A ANPA conta desde hoxe cun teléfono móbil para facilitar aínda máis a comunicación coas familias, como complemento ao correo electrónico. A través del poderase pedir cita presencial con algún membro da Xunta Directiva, informarse de calquera aspecto ou actividade relacionada coa ANPA ou dar avisos de modificacións, altas e baixas nos servizos de comedor e/ou madrugadores e actividade extraescolares.

Lembrade que, para avisar dos cambios (altas/baixas), a hora límite son as 8.15h do mesmo día no caso de madrugdores e as 9.15h do mesmo día no caso de comedor. Despois desa hora os menús xa están encargados.

O teléfono atenderase a diario, preferiblemente por whatsapp. As chamadas que entren e non se atendan tentaremos devolvelas tan pronto sexa posible

O número é o 623 00 94 49. Apuntádeo na vosa axenda!!!!


venres, outubro 09, 2020

Información sobre as obras no espazo do comedor

 



Unha vez postos en marcha os servizos de madrugadores e comedor, tan necesarios para a conciliación da vida familiar e laboral, de xeito provisional na Biblioteca, desde a ANPA queremos informar a todas as familias de varias cuestións:

1- A solución da Biblioteca é unha solución meramente temporal que ten o seu límite establecido nas vacacións de Nadal.

2- O Concello de Fene comprometeuse coa ANPA e coa dirección do centro a realizar unhas obras no comedor que, como xa explicamos nunha entrada anterior, se complicaron por razóns de competencia e pasaron a depender da vontade da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que parece ser que non está disposta a asumilas nin a asinar ningún tipo de convenio de colaboración ao respecto.

3- O Concello de Fene segue comprometido para buscar unha solución e asegura que realizará a tempo as obras necesarias para que os servizos poidan prestarse adecuándose ás condicións de seguridade dos tempos que vivimos.

4- Polo momento, non podemos dar unha data de comezo desas obras, pero seguimos en conversas e contacto permanente coa Concellería de Obras, responsable deste asunto.

martes, setembro 29, 2020

Cambios na directiva da ANPA

Comunicamos que con data de 26 de setembro, a presidenta da ANPA Centieiras, Laura Rey, presentou a súa renuncia ao cargo. Agradecemos profundamente o traballo realizado por ela ata agora, que é moito.

A ANPA convocará proximamente a súa Asemblea anual ordinaria, na que se procederá á elección da nova Presidencia e equipo directivo. Ata entón, a Vicepresidencia -na persoa de Mª Carmen Caballero Nogales- e o resto do equipo asumimos a xestión e seguimos traballando día a día.


domingo, setembro 27, 2020

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES DEFINITIVAS 2020-2021

Informamos que, rematado o prazo de preinscrición nas actividades extraescolares ofertadas, dúas delas alcanzaro o número mínimo de alumnado solicitado pola empresa que as imparte, que son Tenis (martes e xoves) e E-Makers (luns). Polo tanto, estas comezarán a impartirse no mes de outubro co horario establecido.

Lembramos que o pagamento debe facerse mensualmente por adiantado nos 10 primeiros días de cada mes, con ingreso ou transferencia á conta da ANPA: Caixabank (Avda. Marqués de Figueroa 61) - IBAN ES30 2100 4736 8102 0003 1870.

Comezamos este xoves con Tenis!

E lembrade ler o PROTOCOLO ANPA COVID-19



xoves, setembro 24, 2020

Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse provisionalmente na biblioteca desde o 1 de outubro

Trala reunión mantida este mércores 23 de setembro no Concello de Fene co alcalde e as concelleiras de obras e de ensino, na que se nos explicou a situación das obras previstas para comedor, a dirección do centro e a ANPA acordamos clausurar a biblioteca do cole e adaptala para o seu uso provisional como espazo de comedor e de madrugadores.

Os servizos comezarán a prestarse o vindeiro xoves día 1 de outubro, e posto que as prazas serán limitadas en relación co aforo do local e atendendo aos protocolos de seguridade, precisamos neste curso contar cunha previsión anticipada de persoas usuarias para estudar con tempo suficiente se é posible dar o servizo a todas elas. Para isto, e posto que neste curso xestionaremos o comedor por reservas mensuais, tamén para facer os pagamentos, todas as persoas interesadas deberedes cubrir unha ficha de preinscrición  e enviala ao correo electrónico da ANPA (anpa.centieiras@gmail.com), cos datos do neno/a, persoa responsable, alerxias alimentarias se as tivese, e a previsión de días que usarían os servizos no mes de outubro.

Descarga aquí a ficha de comedor

Descarga aquí a ficha de madrugadores

A información sobre o protocolo de entradas e saídas, protocolo xeral, os prezos, horarios, a forma de pago, etc, tédela nos apartados correspondes deste blog. (Lapelas de Comedor e Madrugadores).

En canto á información sobre a reunión, destacar a petición de desculpas por parte do alcalde, que explicou que o desenvolvemento das obras foise complicando con problemas de informes técnicos, xurídicos e de intervención derivados da cantidade de investimento e do feito de que a realización deste tipo de obras non é competencia do Concello senón da Xunta. Aínda así, e posto que o compromiso con este centro e con esta ANPA foi do Concello, tanto o alcalde como a concelleira de obras explicaron que están a tratar coa Consellería de Educación a consecución dun convenio de colaboración para que eses informes técnicos poidan ser positivos. Aseguran que as obras comezarán o antes posible e que, unha vez comecen, non tardarán máis de dúas semanas en estar rematadas.

Ante esta situación, propuxemos a alternativa do uso da Biblioteca e obtivemos o compromiso de que, desde o Concello, colaborarían cos medios económicos e humanos necesarios para a prestación do servizo provisional e tentarían que a obra comezase canto antes.

Lamentamos profundamente o sucedido e agardamos que a solución provisional o sexa durante o menor tempo posible.

Levantouse un acta da reunión que publicaremos nesta entrada en canto estea aprobada por todas as partes.

martes, setembro 22, 2020

Servizos de comedor e madrugadores á espera das obras comprometidas polo Concello de Fene

Posto que estamos nos últimos días de setembro, e comprometimos os servizos de comedor e madrugadores para o 1 de outubro, dende a ANPA queremos explicar cal é a situación actual.

No pasado mes de xuño, vendo que o regreso previsto ás aulas en setembro incluiría medidas de seguridade sanitaria como a distancia de seguridade entre persoas, entendimos que o noso comedor non tiña espazo para dar servizo a máis de 5 ou 6 nenos/as separados por 1,5 metros, e que polo tanto, para garantir os servizos, era imprescindible a ampliación. Para isto, envíamos un escrito solicitando as obras ao Concello, dado que sabíamos que xa existía un proxecto de ampliación que, se ben non estaba previsto para este mesmo verán, pasaba a ser urxente. O escrito que enviamos podedes velo neste enlace:

Escrito do 8 de xuño de 2020

Tamén enviamos escritos similares no mesmo día á dirección do centro e á Xefatura Territorial da Consellería de Educación. A dirección comunicounos que apoiaba plenamente a nosa demanda e que axudaría no que puidera, e da Xunta non tivemos resposta ningunha. O Concello, sen embargo, si nos comunicou verbalmente que podía asumir e asumía as obras de ampliación, e que estas estarían listas para o comezo do curso con seguridade. 

Chegada a última semana de agosto, e vendo que as obras do comedor non comezaran aínda, puxémonos de novo en contacto co Concello para preguntar pola cuestión, e se nos dixo que puidera ser que non estivesen listas para o 10 de setembro, pero que si o estarían seguro para finais dese mesmo mes. Foi entón cando comunicamos a través do noso blog que os servizos de comedor e de madrugadores se prestarían a partir do 1 de outubro.

Chegados os últimos días de setembro, e vendo que as obras seguen sen comezar pero que ningúen nos comunica ningunha novidade, decidimos enviar un escrito ao Concello para que nos informen da situación e solicitamos unha reunión urxente. Podedes ver o escrito neste enlace:

Escrito do 17 de setembro de 2020

A resposta chegou esta mañá, emprazándonos a unha reunión para mañá mércores 23 ás 10 da mañá, da que daremos conta exhaustiva a través deste blog.

Lamentamos as molestias e comunicámosvos que seguimos a traballar para poder dar os servizos o antes posible.

sábado, setembro 19, 2020

NOVIDADES COTA SOCIAS /OS

                                      

.Importe anual 25€

.Pago a partir do mes de outubro

.Preferiblemente nun só pago

(de non poder ser así por diferentes motivos persoais comunicarse coa ANPA)

 

NOTA: Aquelas/os socias/os que foran avisados de ter parte da cota aboada polas devolucións das cotas de actividades de medio marzo, só pagarán a parte correspondente sinalada no correo recibido en xullo.

INSCRICIÓN

.É preciso cubrir a seguinte solicitude:

 

FICHA DE ASOCIACIÓN

                                               

NOTA: As persoas que xa foran socias non precisan cubrir dito documento salvo modificación de datos ou matriculación doutro neno/a  (irmán/a).

 

Realizar o pagamento da cota única de vinte cinco euros (25,00 €) por familia e curso, mediante ingreso ou transferencia bancaria, indicando no concepto o nome do neno/a ou dos nenos/as. A entidade bancaria onde está depositada a conta da ANPA é Caixabank (Avda. Marqués de Figueroa 61) e o IBAN é  ES30 2100 4736 8102 0003 1870

 

xoves, setembro 17, 2020

OFERTA DE ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES 2020-2021

 No cadro adxunto detállanse as actividades extraescolares que desde a ANPA podemos ofertar para este curso escolar 2020-2021,   seguindo o establecido no PROTOCOLO COVID-19 DA ANPA CENTIEIRAS.

Para reservar praza deberedes enviar un correo electrónico a anpa.centieiras@gmail.com co nome, apelidos e curso do alumno/a, e cos datos do pai/nai/titor (DNI, nome e apelidos, num. de móbil e correo electrónico). No caso de que queirades apuntalos a tenis, debedes especificar para que día sería dos posibles ou se sería para os dous. O prazo para facer esta reserva remata o 25 de setembro.

Despois, poranse en marcha a partir do 1 de outubro aquelas actividades que alcanzasen o número mínimo de alumnado establecido en cada caso. No caso de superar o máximo, tentaríanse facer varios grupos.






martes, setembro 15, 2020

UN NOVO MURAL PARA UN TEMPO NOVO

Un dos artistas máis destacados da nosa comarca, Leandro Lamas, deseñou e realizou o novo mural que engalana as paredes contiguas á porta de entrada ao noso cole; unha homenxe ao concepto de IGUALDADE que vai acompañar aos nosos nenos e nenas, mestres e mestras e a toda a comunidade educativa nestes tempos estranos nos que, quizais, sexa máis necesario ca nunca.

A obra comezou co inicio do curso e rematou este martes 15 co resultado que vemos na foto. Ademais, Leandro contou con axudantes de excepción como son os alumnos e alumnas e algún que outro profe.

A que quedou xenial?




mércores, setembro 02, 2020

SEGUIMOS A TRABALLAR

SEGUIMOS A TRABALLAR


 Ante os resultados obtidos na enquisa sobre a prestación dos servizos xestionados pola ANPA, poñémonos a traballar para que a partir de outubro estea totalmente operativo o comedor, o servizo de madrugadores e as actividades extraescolares. Todo isto aplicando todos os protocolos de seguridade establecidos e sempre que as autoridades sanitarias o pemitan. Manterémosvos informados sobre a oferta de extraescolares e os cambios na comunicación coa ANPA que teremos durante este curso. Ata entón sempre podedes poñervos en contacto con nós para calquera dúbida ou suxerencia a través do correo electrónico anpa.centieiras@gmail.com.

 



venres, agosto 28, 2020

A VOLTA O COLE!!


ENQUISA INFORMATIVA PARA A VOLTA O COLE

 

Desde a directiva da ANPA enviamos unha pequena enquisa de cara ao comezo de curso sobre os servizos que presta a asociación (comedor-madrugadores-extraescolares). Pregamos a contestedes dado que nos será de moita utilidade, pinchade na seguinte ligazón:

 

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSf9drWZATWPWOCSl-ffMPsOdkPapMquXD-RUTqCaUAIq-hlHw/viewform?vc=0&c=0&w=1&flr=0


Ademais, informamos que o espazo do comedor e madrugadores está en obras de ampliación para poder garantir as medidas de seguridade, polo que estes servizos comezarán, se fose o caso, no mes de outubro, sempre que os protocolos sanitarios o permitan, as familias o consideredes apropiado e as mencionadas obras fiquen rematadas nos prazos previstos.
 
Moitas grazas e saúde!!

martes, marzo 31, 2020

Quedamos na casa!

Aquí deixamos o enlace á páxina web do Colexio onde podedes atopar información sobre as NORMAS PARA A SAIDA Á RÚA DOS MENORES DE 14 ANOS:

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcentieiras/node/1767

 

-------------------------------------------------------------------------------------------------------

O concello de Fene comenzou a repartir máscaras lavables fabricadas pola SOGAPS. Aquí deixamos o enlace á noticia na páxina web do concello:

 

http://fene.gal/portal-cidadan/noticia/gl/5570 

-----------------------------------------------------------------------------------

Dende o concello nos piden difundir a seguinte información por si algún pequeno quere colaborar.:

 

#Fenequedanacasa

PEQUE-HUMORISTAS EN ACCIÓN! 
...é una actividade dirixida aos máis pequenos da casa aos que pedimos que pensen naquelas cousas que os divirten e que, á vez, poden axudar a facer rir aos demais. 
Se un neno/a sabe debuxar, pode facer un debuxo humorístico ou un chiste gráfico. Se ten una gracia especial para contar chistes, pode gravar un audio ou un vídeo co mellor chiste que coñeza. Tamén pode enviar un pequeno monólogo humorístico, una foto graciosa ou una imitación dalgún personaxe famoso. O caso é rirmos un pouco nestes tempos de confinamento nos que #Fenequedanacasa.

Para ser un/ha “Peque-humorista en acción”, cómpre enviar o debuxo, fotografía audio ou vídeo realizado ou protagonizado polo/a neno/a por Whatsapp (607 625 357) ou correo-e (fenequedanacasa@fene.gal), indicando:
- o nome do autor/a, 
- idade e localidade de procedencia. 
O material recibido publicarase na páxina de Facebook de Fenequedanacasa e compartirase nas distintas redes sociais do Museo do Humor (Youtube, Facebook, Instagram e Twitter).

Condicións:

-    Para participar nesta actividade, é imprescindible que os/as menores que conten co consentimento dos pais, nais ou titores/as legais. No momento que se envía o debuxo, audio, fotografía ou vídeo, mesmo coa voz/imaxe do menor, autorízase a súa difusión en webs, publicacións e redes sociais municipais

-    Acompañando cada debuxo, fotografía audio ou vídeo (que non poderá superar os 30 segundos de duración) figurará o nome do autor/a ou protagonista, idade e localidade de procedencia.

-    Os textos que aparezan nos debuxos e os diálogos dos vídeos e audios enviaranse preferentemente en lingua galega.

-    Non se publicarán imaxes sexistas ou que poidan danar a sensibilidade das persoas.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

NOS, CO COVID-19, AXUDAMOS CON MASCARILLAS!!!



Boas tardes,

Dende a Anpa queremos informar que se están a recoller mascarillas de confección caseira para doar a distintos lugares onde as requiran.
Deixamosvos un patrón de mascarillas e soamente informar que a tea debe ser algodón posto que teñen que poder lavarse a alta temperatura.

Quen quera axudar nesta causa, pode achegarse coas súas mascarillas confeccionadas ao concello ou poñerse en contacto coa Anpa no seu correo:
anpa.centieiras@gmail.com (Neste correo facilitarase a dirección e un teléfono de contacto).

Lembrade que o máis importante é o bo uso delas!!!

(As mascarillas deberán ser lavadas despois de cada uso a alta temperatura e con xabón. E deberán ser retiradas con precaución.)

domingo, marzo 29, 2020

ACTUALIDADE: PAGOS COMEDOR, ACTIVIDADES... PENDENTES

PAGO COMEDOR-MADRUGADORES MARZO


Agardamos que todos e todas esteades ben.
Dada a situación actual, os pagos do comedor e madrugadores do mes de marzo quedarán pendentes ata novo aviso
En canto poidamos realizar as contas do mes de marzo para o pago correspondente informarémosvos do importe dos mesmos.

PAGO ACTIVIDADES ABRIL


Agardamos que todos e todas esteades ben. 
Ante as circunstancias excepcionais que vivimos, pedímosvos (por se dubidábades) que non ingresedes a cota de actividades do mes de abril. En canto teñamos claro cando comeza de novo o curso informarémosvos de como recuperar as clases perdidas en marzo ou, no seu defecto, o importe das mesmas.



Ánimo e un saúdo.


#QUEDAMOS NA CASA


martes, febreiro 04, 2020

TALLER DE DISCIPLINA POSITIVA

Onte comenzou o taller de disciplina positiva a cargo de Andrea Bechlian , aprendimos moito, rimos moito, gozamos moito... Grazas aos asistentes e a Andrea.



ANIMADEVOS!!


martes, xaneiro 21, 2020

ENTROIDO 2020

E chegou o día... O día 26 de febreiro a Comparsa da Anpa Centieiras saiu á rúa a pásalo moi ben... Nestas fotos demostramosvos a festa que montamos.... Viva o entroido!!!



 

 

 

 

 

 

 

 

.....................................................................................

O venres 21 o cole fixo o seu habitual pasarruas de Entroido ata o Concello. Aquí tedes un pequeno recordo...

..............................................................................

Gracias a tod@s @s inscrit@s

------------------------------------------------------------------------------- 

Na actualidade temos inscritas ata o momento 14 persoas adultas para participar na comparsa da ANPA. Se chegamos a 16 podemos participar como comparsa de adultos e acceder a un premio maior.

Animádevos, pasámolo moi ben!!

LEMBRADE que tedes ata este VENRES para entregar a inscrición.😁

 

Estamos a preparar a comparsa para participar no entroido de Fene, desta vez o mércores é día 26 de febreiro...


ANIMÁDEVOS FAMILIAS!!! PÁSASE MOI BEN

Deixovos a circular da inscripción á comparsa