martes, setembro 22, 2020

Servizos de comedor e madrugadores á espera das obras comprometidas polo Concello de Fene

Posto que estamos nos últimos días de setembro, e comprometimos os servizos de comedor e madrugadores para o 1 de outubro, dende a ANPA queremos explicar cal é a situación actual.

No pasado mes de xuño, vendo que o regreso previsto ás aulas en setembro incluiría medidas de seguridade sanitaria como a distancia de seguridade entre persoas, entendimos que o noso comedor non tiña espazo para dar servizo a máis de 5 ou 6 nenos/as separados por 1,5 metros, e que polo tanto, para garantir os servizos, era imprescindible a ampliación. Para isto, envíamos un escrito solicitando as obras ao Concello, dado que sabíamos que xa existía un proxecto de ampliación que, se ben non estaba previsto para este mesmo verán, pasaba a ser urxente. O escrito que enviamos podedes velo neste enlace:

Escrito do 8 de xuño de 2020

Tamén enviamos escritos similares no mesmo día á dirección do centro e á Xefatura Territorial da Consellería de Educación. A dirección comunicounos que apoiaba plenamente a nosa demanda e que axudaría no que puidera, e da Xunta non tivemos resposta ningunha. O Concello, sen embargo, si nos comunicou verbalmente que podía asumir e asumía as obras de ampliación, e que estas estarían listas para o comezo do curso con seguridade. 

Chegada a última semana de agosto, e vendo que as obras do comedor non comezaran aínda, puxémonos de novo en contacto co Concello para preguntar pola cuestión, e se nos dixo que puidera ser que non estivesen listas para o 10 de setembro, pero que si o estarían seguro para finais dese mesmo mes. Foi entón cando comunicamos a través do noso blog que os servizos de comedor e de madrugadores se prestarían a partir do 1 de outubro.

Chegados os últimos días de setembro, e vendo que as obras seguen sen comezar pero que ningúen nos comunica ningunha novidade, decidimos enviar un escrito ao Concello para que nos informen da situación e solicitamos unha reunión urxente. Podedes ver o escrito neste enlace:

Escrito do 17 de setembro de 2020

A resposta chegou esta mañá, emprazándonos a unha reunión para mañá mércores 23 ás 10 da mañá, da que daremos conta exhaustiva a través deste blog.

Lamentamos as molestias e comunicámosvos que seguimos a traballar para poder dar os servizos o antes posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario