xoves, setembro 24, 2020

Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse provisionalmente na biblioteca desde o 1 de outubro

Trala reunión mantida este mércores 23 de setembro no Concello de Fene co alcalde e as concelleiras de obras e de ensino, na que se nos explicou a situación das obras previstas para comedor, a dirección do centro e a ANPA acordamos clausurar a biblioteca do cole e adaptala para o seu uso provisional como espazo de comedor e de madrugadores.

Os servizos comezarán a prestarse o vindeiro xoves día 1 de outubro, e posto que as prazas serán limitadas en relación co aforo do local e atendendo aos protocolos de seguridade, precisamos neste curso contar cunha previsión anticipada de persoas usuarias para estudar con tempo suficiente se é posible dar o servizo a todas elas. Para isto, e posto que neste curso xestionaremos o comedor por reservas mensuais, tamén para facer os pagamentos, todas as persoas interesadas deberedes cubrir unha ficha de preinscrición  e enviala ao correo electrónico da ANPA (anpa.centieiras@gmail.com), cos datos do neno/a, persoa responsable, alerxias alimentarias se as tivese, e a previsión de días que usarían os servizos no mes de outubro.

Descarga aquí a ficha de comedor

Descarga aquí a ficha de madrugadores

A información sobre o protocolo de entradas e saídas, protocolo xeral, os prezos, horarios, a forma de pago, etc, tédela nos apartados correspondes deste blog. (Lapelas de Comedor e Madrugadores).

En canto á información sobre a reunión, destacar a petición de desculpas por parte do alcalde, que explicou que o desenvolvemento das obras foise complicando con problemas de informes técnicos, xurídicos e de intervención derivados da cantidade de investimento e do feito de que a realización deste tipo de obras non é competencia do Concello senón da Xunta. Aínda así, e posto que o compromiso con este centro e con esta ANPA foi do Concello, tanto o alcalde como a concelleira de obras explicaron que están a tratar coa Consellería de Educación a consecución dun convenio de colaboración para que eses informes técnicos poidan ser positivos. Aseguran que as obras comezarán o antes posible e que, unha vez comecen, non tardarán máis de dúas semanas en estar rematadas.

Ante esta situación, propuxemos a alternativa do uso da Biblioteca e obtivemos o compromiso de que, desde o Concello, colaborarían cos medios económicos e humanos necesarios para a prestación do servizo provisional e tentarían que a obra comezase canto antes.

Lamentamos profundamente o sucedido e agardamos que a solución provisional o sexa durante o menor tempo posible.

Levantouse un acta da reunión que publicaremos nesta entrada en canto estea aprobada por todas as partes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario