luns, xuño 24, 2024

Feliz verán e a repoñer forzas para a volta!

Despedíamos o curso o pasado venres coa Festa da Convivencia de Centieiras que, unha vez máis, foi todo un éxito grazas ás familias, que nunca nos fallades. O tempo portouse ben e deixounos gozar da comida campestre, dos xogos con auga, da festa da espuma e dunha xornada, en xeral, chea de momentos para lembrar.

O vindeiro ano máis e mellor e agardámosvos de novo a todos e todas, así como ás novas familias que veñan. En canto ao alumnado de 6º de Primaria, que vos vaia moi ben na vosa nova etapa e que levedes sempre a Centieiras nos vosos corazóns. Botarémosvos de menos!

Deixámosvos un vídeo resumo do que aconteceu este venres 21 de xuño e agardamos que pasedes un marabilloso verán.



venres, xuño 14, 2024

Festa rachada para recibirmos o verán por todo o alto


Un ano máis, a ANPA Centieiras organiza a Festa de Convivencia de fin de curso. Será o venres 21 de xuño, último día de cole, xusto ao remate do horario lectivo, é dicir, ás 14 h.

Comezamos cun xantar de convivencia todos xuntos nos exteriores do colexio. Cada familia deberá encargarse de traer a súa comida, pero non fai falla que traiades nada máis; a ANPA convida a xeados, postres variados, cafés e augas. Despois do xantar faremos o sorteo de agasallos coas rifas que adquirades. Nesta ocasión temos varios paquetes marabillosos e unha super sorpresa final. Lembrade que a vosa axuda é moi importante para que poidamos seguir facendo esta festa... Ah! E as familias socias teredes unha oportunidade a maiores xa que, ademais das rifas que merquedes, entran no sorteo os números de asociados/as.

Este ano haberá un cambio con respecto á festa da espuma, xa que terá lugar ao principio da xornada, ás 16h, e non ao final. Despois, haberá outra xincana de xogos organizados ata as 18h e quedará tempo libre ata o fin de festa, que será ás 20h.

Tralo éxito e boa acollida do ano pasado, reiteramos a prohibición de usar globos de auga dada a dificultade da súa limpeza e o alto nivel de contaminación de producen. Por suposto, as pistolas de auga non poden faltar... Habilitaremos no exterior baldes de auga para encher as pistolas co fin de que non se usen os lavabos dos baños para iso e evitar así inundacións indesexadas. Por favor, lembrade aos nenos e nenas que non enchan as pistolas nos baños.

Xa sabedes que estades convidadas todas as familias no sentido extenso, con avós, curmáns, tías e quen queira apuntarse. 

Que ninguén quede na casa porque o pasaremos xenial!!


luns, maio 27, 2024

Última semana de actividades extraescolares


Chega o final de maio e, como sabedes, rematan as actividades extraescolares organizadas pola ANPA. Está será a última semana de tenis, inglés e cociña; os alumos de e-makers terán un luns máis (3 de xuño) para recuperar unha clase aprazada.

Lembramos ás familias que non teñen que aboar o mes de xuño.

Agardamos que aos peques lles gustaran e as aproveitaran e que ás familias vos resultaran de utilidade. Para o vindeiro curso iremos informando.

Imos e excursión! (Axuda económica e suspensión de comedor)


O vindeiro martes 4 de xuño o colexio organiza unha excursión de todos os cursos ao Muíño de Pedroso, desde 1ª hora ata as 16h aproximadamente. Por este  motivo, ese día non haberá servizo de comedor. Porén, o de madrugadores funcionará con normalidade.

A ANPA outorga unha axuda ás familias asociadas de 5€ por alumno/a para asumir o custo desta excursión, que ascende a 18€. Polo tanto, os nosos socios teñen que aboar 13€.


xoves, marzo 07, 2024

Outra cousa bonita do noso equipo artístico para o 8M

Este 8M temos moito que reivindicar e, por iso, o noso equipo artístico fixo un precioso photocall con ás, desas que ninguén ten que cortar ás nosas nenas nin aos nosos nenos. Tamén puxeron uns detalles nas escadas de subida ao cole, tanto pola zona de infantil como pola de primaria.





Ademais, a ANPA estará presente no programa especial que ten preparado Radio Fene coa participación de mulleres fenesas de todos os ámbitos, entre eles, o educativo.

A nova en Radiofusión

venres, febreiro 16, 2024

As cousas bonitas fanse desta maneira...

Así di a estrofa dunha das cancións que levamos este ano de comparsa e a verdade é que é moi certo. Nesta ocasión o tempo tamén nos acompañou e a tarde foi completa; desfilamos xenial, actuamos mellor aínda e pasámolo incrible. Milleiros de grazas ás familias por animarse a compatir con nós este momento, grazas tamén aos músicos que nos acompañaron e que fan máis grande esta comparsa e, sobre todo, grazas infinitas a eses pequenos e pequenas que o deron todo e que se portaron como verdadeiros artistas.

Xa estamos pensando que argallaremos para o ano que vén...

Deixámosvos por aquí tamén algunhas fotos dos centos delas que circulan por aí.















mércores, febreiro 07, 2024

Cancións gravadas e ensaios en marcha


Estes días gravamos as dúas cancións que levaremos este ano polas rúas de Fene coa comparsa Centieiras; son "A Tardenteira" e "Greasecenti", e soan moooi ben. Moitas grazas a todas as familias que vos animastes a vir gravar!. Onte comezamos tamén os ensaios da coreografía. Seguimos o xoves e despois xa non queda nada. Cantas ganas de "antroidaaarr"!!


venres, febreiro 02, 2024

Xa temos as nosas capas de Ecoheroes


Onte traballamos arreo para facer as capas verdes dos disfraces que levaremos os adultos na Comparsa no Mércores de Cinza. Moitas grazas a todas as persoas que puidestes vir e as que axudastes a todo. As que non, xa sabedes que temos os patróns cortados na ANPA. Collédeos canto antes poñéndovos en contacto con calquera de nós.

Mañá a cantar e gravar as cancións! Todo en marcha!

martes, xaneiro 30, 2024

De novo batemos a nosa propia marca con 104 persoas que imos de Comparsa!!


Moitísimas grazas de antemán a todas as persoas (peques, papás, mamás, tíos, tías, curmáns, amigos...) que vos animades a vir de comparsa coa ANPA Centieiras. Ímolo pasar en grande e ademais imos arrasar. É a primeira vez, que saibamos, que superamos a centena de participantes. Xa o ano pasado tivemos unha participación de record e eramos 87.

Os que estades no grupo da Comparsa xa tedes as cancións e as letras. Este ano chamámonos "ECOHEROES DE CENTIEIRAS" e imos ser a sensación das rúas no desfile de Fene. Só agardamos que o tempo acompañe un pouquiño máis ca nos últimos anos e, se non, pois a gozalo como se poida.

Mil grazas de novo e seguimos traballando.

xoves, xaneiro 18, 2024

Preparándonos para a Comparsa Centieiras 2024. Animádevos!!

Parece mentira pero xa chegou o momento. Preparamos un ano máis a Comparsa de Entroido de Centieiras. E xa van máis de 30 porque, como podedes ver no vídeo que vos deixamos por aquí, as xentes deste cole xa participaban no desfile de comparsas de Fene alá pola década dos 90...



Este ano o día é o 14 de febreiro (festivo local), e o prazo para apuntarnos xa comezou, así que imos ao lío. 

De que se trata?

É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que a ANPA organiza durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor 
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre os nenos e nenas que participan
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!

Precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. Polo tanto, animamos a todos os papás, mamás, profes, tíos, avoas, curmás, amigos, etc. a que veñan con nós de Comparsa.

Os disfraces para os pequenos serán os mesmos que usen para a festa do colexio, quizais con algunha adaptación, e para as persoas adultas argallaremos algo moi sinxelo. Xa temos preparadas cancións con música de Vicco e de Grease e, en breve, comezaremos a ensaiar os bailes.

Que supón para as familias?

O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.

Que hai que facer para apuntarse?

Só tedes que enviar un whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 26 de xaneiro. Ollo!! 👀👀👀 Tedes que especificar o seguinte:

- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto

- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento

Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga. 

Non volo perdades que, este ano, temos que facer historia!!