O Concello de Fene organiza unha actividade de promoción do Camiño Inglés e posta en valor, á vez, dos/das artistas gráficos/as cos que contamos nesta comarca. Para isto, solicita a colaboración das ANPAS dos colexios de Fene coma o noso.
Trátase dunha serie de actividades diversas entre as que destaca unha andaina duns 34 Km entre Ferrol e Pontedeume polo Camiño Inglés, con paradas en varios puntos nos que estará presente un ou unha debuxante realizando algún traballo artístico: Xaquín Marín, Laura Bouza, Leandro Lamas, Elga Fernández, Carlos Silvar, etc., etc. A andaina realizarase entre o sábado 12 e o domingo 13 de xuño, con diferentes etapas ben definidas, e cadaquén pode unirse á actividade no tramo que desexe ou que lle resulte máis acaído. Inclúese unha comida en grupo o sábado 13 no paseo martítimo de Xuvia.
Toda a información está nunha páxina web creada para esta actividade á que vos convidamos a acceder se queredes todos os detalles: Viñetas do Camiño
Ademais, os participantes na andaina poderán facer tamén os seus propios debuxos, que serán expostos na citada web.
A actividade inclúe obradoiros con artistas para determinados grupos dos diferentes coles. No noso, os afortunados son os alumnos e alumnas de 5º de Primaria, que o vindeiro 4 de xuño gozarán das ensinanzas directas da artista fenesa Beatriz Seijo.
Haberán tamén, en datas posteriores á andaina, unha exposición física e virtual de todos os traballos artísticos recompilados, e unha serie de contacontos e música durante o mes de xullo.
Agradecemos a iniciativa aos departamentos de Cultura e de Turismo do Concello de Fene e animámosvos a todos e todas a participar e levar os/as peques a un anaquiño da andaina, que de seguro será divertida e moi enriquecedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario