venres, 23 de xaneiro de 2026

SUPERFENESAS de Centieiras imos SAÍR de Comparsa ANTROIDANDO SEN PARAR


3, 2, 1.... Chega o Entroido!! E como non, dende a ANPA Centieiras preparamos unha super comparsa para participar no desfile de Fene que, este ano, será na tarde do 18 de febreiro (festivo local). Como moitos sabedes, levamos máis de 30 anos participando nesta celebración que, para esta asociación, é motivo de festa, de xuntanzas, de relacións entre nenos/as e familias, de creatividade e, sobre todo, de moita moita troula.

Nesta publicación deixámosvos todas as indicacións para que vos apuntedes, canta máis xente mellor: papás, mamás, avós, tías, amigos e calquera que teña ganas de divertirse con nós.

O prazo para apuntarse abrímolo hoxe e teredes ata o SÁBADO 31 DE XANEIRO, pero non tardedes que non hai nada que pensar!!! Nesta ocasión faremos homenaxe a Robe Iniesta e Extremoduro e seremos Superfenesas con música de Aitana e co grupo de moda en redes sociais Nueva Línea; a ver que sae de aí...

De que se trata?
É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que a ANPA organiza durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor 
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre o alumnado de Centieiras que participe
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!

Precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. 
A temática este ano é "Fene", e os disfraces para os pequenos/as serán os mesmos que usen para a festa do colexio, que son os seguintes (tamén poden escoller outro dentro destas propostas):
-Infantil: mariscadoras/es
- 1º e 2º: lavandeiras
- 3º e 4º: indianos/as
- 5º e 6º: Fene Rock
As persoas adultas podemos escoller calquera destes ou ben engadir o de obreiro/a do sector naval, que temén é moi representantivo da temática escollida este curso polo equipo directivo.

Que supón para as familias
O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.

Que hai que facer para apuntarse?
Só tedes que enviar un whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 31 de xaneiro. Ollo!! 👀👀👀 

Moi importante especificar os seguintes datos 🔔🔔🔔🔔:
- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto
- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento

Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga. 
Non o perdades que, este ano, SOMOS SUPERFENESAS!!

xoves, 18 de decembro de 2025

Todo listo para a chegada de Papá Noel!!!


Este venres 19 despedimos o primeiro trimestre e tamén o ano 2025 con moitas actividades programadas polo colexio. Pola nosa parte, un ano máis, encargámonos de contactar co Polo Norte e conseguimos que Papá Noel se achegue un momentiño a Centieras para que todos os nosos nenos e nenas poidan velo e comentarlle o que consideren oportuno. 

Estará con nós a partir das 11.30, así que non faltedes que seguramente traerá algunha sorpresiña.

Ademais, o equipo artístico da ANPA contribuiu un ano máis coa decoración de todo o colexio para que non falte ningún detalle nestas datas. 

Boas festas e vémonos á volta!





mércores, 17 de decembro de 2025

Último día de cociña. Grazas por cousas tan ricas!

ACTIVIDADE


CURSOS

HORARIO

IMPARTE

LUGAR

PREZO/MES (NON SOCIOS +5€)



Tenis



De 4ª EI en diante



Martes e/ou Xoves de 16:00 a 17:00h



Escola de Tenis “Justo al Revés”



Pista cuberta



18 € 1 día/semana

23 € 2 días/semana



Creatividade



De 4º EI en diante



Xoves de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Aula de Arts



25



Robótica/STEAM



De 6º EI en diante



Luns de 16:00 a 17:00h



Gazapo



Aula de inglés

25


A actividade extraescolar de cociña remata hoxe mércores e deixará de impartirse este curso por falta de alumnado. Moitas grazas ás monitoras por aprenderlles a facer cousas tan ricas e aos nenos e nenas que participaron. 

O cadro de actividades extraescolares a partir de xaneiro queda como está na imaxe.

martes, 16 de decembro de 2025

O noso comedor cumpre 20 anos. Axúdanos a celebralo!



Mergullándonos nos arquivos da ANPA e por casualidade démonos conta de que o comedor de Centieiras cumpre neste curso nada máis e nada menos que 20 anos. Comezou cunha experiencia "piloto" en maio de 2005 e púxose en marcha definitivamente no curso 2005-2006. Ao principio eran moi poucos os nenos e nenas que quedaban a comer no cole pero, pouco a pouco, este servizo foi tendo cada vez máis persoas usuarias e convertéuse nun valor imprescindible para moitas familias e para o centro educativo.

A ANPA foi a encargada de xestionar este servizo dende os seus comezos e ata hoxe, así que desde esta asociación non queremos deixar pasar esta efeméride. Xa colocamos un cartel feito polo noso equipo artístico que vai lembrar durante todo o curso que estamos de aniversario, pero gustaríanos facer tamén un vídeo conmemorativo destes 20 anos no que participen nenos e nenas que usen ou usaran algunha vez o comedor, tanto dos que están agora no cole como dos que estiveron. Para isto, quenes vos animedes, só tedes que facer o seguinte:

- Gravade un vídeo EN HORIZONTAL da persoa usuaria de comedor, de entre 10 e 20 segundos, no que diga algo sobre este servizo: o que máis lle gusta ou gustaba, o que bota de menos se xa non está, algunha lembranza, algunha anécdota rápida, ou unha felicitación de aniversario sen máis.

- Enviádeo por whatsapp ao móbil da ANPA (623009449) canto antes. A ver se podemos ter todo o material neste mes de xaneiro.

Despois, xa nos encargamos nós. Faremos tamén algunha foto nestes días. Por suposto, se coñecedes a alguén que xa non está no cole, que foi usuario ou usuaria do comedor e que lle pode interesar participar, pasádelle esta información. 

Animádevos a participar que a ocasión o merece. Moitas grazas de antemán!!




mércores, 10 de decembro de 2025

Xa podes recoller o teu calendario da ANPA para 2026!

 


Xa temos listos os nosos calendarios, así que fixamos unhas datas, horas e lugares para que todas as persoas interesadas poidades recollelos (doazón 3,50 €), non sen antes agradecer o traballo de todas as persoas que o fixeron posible e, nomeadamente, a Marisa Rey que, un ano máis, colaborou facendo unhas fotos ben bonitas. 

Onde e cando o recollo?

Xoves 11:

De 9 a 9.30 e de 13.30 a 14 h na pista cuberta

De 16 a 16.30 h no local da ANPA

Martes 16:

De 9 a 9.30 e de 13.30 a 14 h na pista cuberta

De 16 a 16.30 h no local da ANPA

Venres 19:

No local da ANPA durante toda a mañá 


Ata esgotar existencias. Non quedes sen o teu!

mércores, 12 de novembro de 2025

Fotos para calendario o luns 17


O vindeiro luns 17 de novembro faremos as fotos do alumnado e profesorado de Centieiras para publicar o noso xa tradicional calendario da ANPA. Xa vos contaremos cando estea listo como faremos para repartilo e que chegue a todas as familias que o queirades adquirir.


venres, 31 de outubro de 2025

Xornada terrorífica, divertida e enxebre


Un ano máis celebramos o Magosto en Centieiras, xunto co Samaín e o Día do Peón. Desde a ANPA agardamos que todas as familias e os nenos e nenas gozarades das castañas e do chocolate. Pola nosa parte pasámolo xenial. Agradecemos a todas as persoas que colaboraron con nós para que todo saíse ben (Abel, Tuchi, Vanesa, as persoas que viñeron picar castañas, etc) e deixámosvos unhas cantas fotos da xornada.

Queremos tamén felicitar a Ana pola súa xubilación e desexarvos a todos e todas que o pasedes moi ben nesta ponte festiva. Vémonos á volta coas pilas recargadas.






























luns, 27 de outubro de 2025

Castañas, chocolate e moita festa. Queres axudarnos?

Este xoves 30 de outubro Centieiras celebra o Samaín, o Día do Peón e o Magosto. Nesta útlima parte a ANPA encárgase de preparar castañas asadas e chocolate quente para todos; pequenos/as, familias, profes, etc. Faremos unhas poucas castañas in situ para que os nenos e nenas vexan como se fan e poidan percibir ese cheiro inconfundible que deixa o asado deste produto tan importante para nós.

Para ter todo a punto, precisamos que o mércores 29 queden todas as castañas ben picadas para que poidan ir ao forno directamente, así que pedimos a vosa colaboración. Todas aquelas persoas que poidades axudarnos achegádevos ao cole o mércores 29 ás 16 horas e traede un coitelo para picar. Alí estaremos con esa tarefa e tamén facendo algún cucurucho con papel de xornais.

Por outra banda, tamén estamos axudando a que o ambiente sexa terrorífico... 




venres, 17 de outubro de 2025

Renovamos a subvención nominativa para o comedor



Un ano máis acudimos á sinatura do convenio para subvención nominativa que recibimos do Concello de Fene para o mellor funcionamento do noso comedor escolar. A presidenta, Mar González asinou a concesión de 3000 euros e posou para a foto "de familia" cos demais membros do tecido asociativo de Fene que reciben subvencións nominativas do Concello para diversas actividades de interese social e/ou cultural.

xoves, 16 de outubro de 2025

Socios e socias! Non perdades a asemblea xeral anual da ANPA

 



Con 15 días de antelación, como mandan os nosos Estatutos, convocamos a nosa Asemblea Xeral de socios e socias para o vindeiro martes, 4 de novembro, ás 16.15 horas en primeira convocatoria e ás 16.30 en segunda, no recibidor do colexio e coa seguinte


ORDE DO DÍA 

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior

2. Estado de contas e balance do curso 2024/2025

3. Proposta e aprobación, se procede, de renovación da Xunta Directiva

4. Previsión de actividades e xestións para o curso 2025/2026

5. Rogos e preguntas


Ven e participa. Queremos a túa opinión para seguirmos traballando.