Mergullándonos nos arquivos da ANPA e por casualidade démonos conta de que o comedor de Centieiras cumpre neste curso nada máis e nada menos que 20 anos. Comezou cunha experiencia "piloto" en maio de 2005 e púxose en marcha definitivamente no curso 2005-2006. Ao principio eran moi poucos os nenos e nenas que quedaban a comer no cole pero, pouco a pouco, este servizo foi tendo cada vez máis persoas usuarias e convertéuse nun valor imprescindible para moitas familias e para o centro educativo.
A ANPA foi a encargada de xestionar este servizo dende os seus comezos e ata hoxe, así que desde esta asociación non queremos deixar pasar esta efeméride. Xa colocamos un cartel feito polo noso equipo artístico que vai lembrar durante todo o curso que estamos de aniversario, pero gustaríanos facer tamén un vídeo conmemorativo destes 20 anos no que participen nenos e nenas que usen ou usaran algunha vez o comedor, tanto dos que están agora no cole como dos que estiveron. Para isto, quenes vos animedes, só tedes que facer o seguinte:
- Gravade un vídeo EN HORIZONTAL da persoa usuaria de comedor, de entre 10 e 20 segundos, no que diga algo sobre este servizo: o que máis lle gusta ou gustaba, o que bota de menos se xa non está, algunha lembranza, algunha anécdota rápida, ou unha felicitación de aniversario sen máis.
- Enviádeo por whatsapp ao móbil da ANPA (623009449) durante estas vacacións de Nadal.
Despois, xa nos encargamos nós. Faremos tamén algunha foto nestes días. Por suposto, se coñecedes a alguén que xa non está no cole, que foi usuario ou usuaria do comedor e que lle pode interesar participar, pasádelle esta información.
Animádevos a participar que a ocasión o merece. Moitas grazas de antemán!!

Ningún comentario:
Publicar un comentario