luns, febreiro 03, 2025

Comeza o prazo para apuntarse á comparsa Centieiras 2025. Non o perdades!!



Que nervios, que nervios, que xa chega o momento... Este ano temos que reservar a data do 5 de marzo (Mércores de Cinza e festivo local en Fene), na que o desfile de comparsas contará, como sempre dende hai máis de 30 anos, coa representación de Centieiras. É un día de festa no que facemos moitas cousas, pero a máis importante é a de pasalo xenial. A continuación deixámosvos a indicacións explicativas para toda a xente nova ou como recordatorio para a veterana e lembramos que é unha actividade aberta a todas as persoas (primos, tías, avoas, amigos, etc). O prazo para apuntarse abre hoxe e remata o 14 de febreiro; non o pensedes e apuntádevos xa!!

De que se trata?

É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que a ANPA organiza durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor 
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre o alumnado de Centieiras que participe
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!

Precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. Polo tanto, animamos a todos os papás, mamás, profes, tíos, avoas, curmás, amigos, etc. a que veñan con nós de Comparsa.

Os disfraces para os pequenos serán os mesmos que usen para a festa do colexio, quizais con algunha adaptación, e para as persoas adultas argallaremos algo moi sinxelo. Xa estamos preparando as cancións, desta volta, con música de Joaquín Sabina, The Ramones e Lola Índigo (a cousa pinta interesante...)

Que supón para as familias?

O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.

Que hai que facer para apuntarse?

Só tedes que enviar un whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 14 de febreiro. Ollo!! 👀👀👀 Tedes que especificar o seguinte:

- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto

- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento

Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga. 

Non o perdades que, este ano, SOMOS MÁIS ARTISTAS CA NUNCA!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario