Un ano máis, a ANPA Centieiras organiza a Festa de Convivencia de fin de curso. Será o venres 21 de xuño, último día de cole, xusto ao remate do horario lectivo, é dicir, ás 14 h.
Comezamos cun xantar de convivencia todos xuntos nos exteriores do colexio. Cada familia deberá encargarse de traer a súa comida, pero non fai falla que traiades nada máis; a ANPA convida a xeados, postres variados, cafés e augas. Despois do xantar faremos o sorteo de agasallos coas rifas que adquirades. Nesta ocasión temos varios paquetes marabillosos e unha super sorpresa final. Lembrade que a vosa axuda é moi importante para que poidamos seguir facendo esta festa... Ah! E as familias socias teredes unha oportunidade a maiores xa que, ademais das rifas que merquedes, entran no sorteo os números de asociados/as.
Este ano haberá un cambio con respecto á festa da espuma, xa que terá lugar ao principio da xornada, ás 16h, e non ao final. Despois, haberá outra xincana de xogos organizados ata as 18h e quedará tempo libre ata o fin de festa, que será ás 20h.
Tralo éxito e boa acollida do ano pasado, reiteramos a prohibición de usar globos de auga dada a dificultade da súa limpeza e o alto nivel de contaminación de producen. Por suposto, as pistolas de auga non poden faltar... Habilitaremos no exterior baldes de auga para encher as pistolas co fin de que non se usen os lavabos dos baños para iso e evitar así inundacións indesexadas. Por favor, lembrade aos nenos e nenas que non enchan as pistolas nos baños.
Xa sabedes que estades convidadas todas as familias no sentido extenso, con avós, curmáns, tías e quen queira apuntarse.
Que ninguén quede na casa porque o pasaremos xenial!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario