Un ano máis...
A ANPA Centieiras estamos a organizar unha Comparsa para participar no desfile do Mércores de Cinza do Concello de Fene, que este ano cadra no 22 de febreiro (festivo local). É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que facemos durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre os nenos e nenas que participan
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!
Nesta ocasión, xa sen restriccións sanitarias, precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. Polo tanto, animamos a todos os papás, mamás, profes, tíos, avoas, curmás, amigos, etc. a que veñan con nós de Comparsa.
Os disfraces para os pequenos serán os mesmos que usen para a festa do colexio, e para as persoas adultas argallaremos algo moi sinxelo. Xa temos preparadas cancións con música de ACDC e de Rosalía e, en breve, comezaremos a ensaiar os bailes.
Que supón para as familias?
O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.
Que hai que facer para apuntarse?
Só tedes que enviar un correo electrónico (anpa.centieiras@gmail.com) ou whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 12 de febreiro. Tedes que especificar o seguinte:
- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto
- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento
Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga.
Non volo perdades que, de seguro, pasarémolo moi ben!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario