xoves, xaneiro 18, 2024

Preparándonos para a Comparsa Centieiras 2024. Animádevos!!

Parece mentira pero xa chegou o momento. Preparamos un ano máis a Comparsa de Entroido de Centieiras. E xa van máis de 30 porque, como podedes ver no vídeo que vos deixamos por aquí, as xentes deste cole xa participaban no desfile de comparsas de Fene alá pola década dos 90...



Este ano o día é o 14 de febreiro (festivo local), e o prazo para apuntarnos xa comezou, así que imos ao lío. 

De que se trata?

É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que a ANPA organiza durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor 
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre os nenos e nenas que participan
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!

Precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. Polo tanto, animamos a todos os papás, mamás, profes, tíos, avoas, curmás, amigos, etc. a que veñan con nós de Comparsa.

Os disfraces para os pequenos serán os mesmos que usen para a festa do colexio, quizais con algunha adaptación, e para as persoas adultas argallaremos algo moi sinxelo. Xa temos preparadas cancións con música de Vicco e de Grease e, en breve, comezaremos a ensaiar os bailes.

Que supón para as familias?

O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.

Que hai que facer para apuntarse?

Só tedes que enviar un whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 26 de xaneiro. Ollo!! 👀👀👀 Tedes que especificar o seguinte:

- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto

- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento

Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga. 

Non volo perdades que, este ano, temos que facer historia!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario